1982-2012. III ANABAD Galicia.
Homenaje a Carlos Guitián.
O pasado 2 de Xuño celebramos o XXX Aniversario de ANABAD-Galicia. Poucas entidades, nos tempos que corren, poden presumir de ter unha vida tan dilatada no tempo. Con épocas mellores e piores para o asociacionismo en xeral, e para Anabad en particular, podemos congratularnos de termos chegado até aquí.
É evidente que queda moito por facer para a dignificación e o recoñecemento das nosas profesións. Pero tamén é certo que ANABAD-Galicia ten feito un traballo continuado en prol da mellora profesional e do recoñecemento da administración do noso traballo e da mellora dos servizos da memoria para a cidadanía.
Sen a existencia de ANABAD-Galicia, e sen a persistencia das mulleres e homes que formamos parte desta Asociación, a evolución e o desenvolvento de normas, leis, regulamentos, etc. terían sido menos participativas e menos abertas ás correntes de modernidade que atravesan as nosas profesións que, moitas veces, van por diante do que a administración desexaría e serven para dar a coñecer os servizos que se deben prestar á cidadanía.
Desexamos ofrecervos, neste número especial do boletín, un resumo do que foi a Xornada de convivencia que pasamos o día 2 de Xuño e, polo seu especial interese, reproducimos os discursos de homenaxe a Carlos Guitián, condecorado coa Medalla da Federación ANABAD, do discurso de agradecemento de Carlos Guitián, e o repaso da Historia de ANABADGalicia, realizado por Pedro López.
Esperamos que sexa do voso interese e desexamos animarvos a seguir participando da Asociación para que entre todas e todos podamos celebrar outros 30 anos.