A Fundación Rosalía acondicionará unha sala para albergar o arquivo

A Fundación Rosalía acondicionará unha sala para albergar o arquivo

O Concello de Padrón aportará 3.000 euros para os traballos e para a dotación do mobiliario necesario

UXÍA LÓPEZ25 de febrero de 2015. La Voz de Galicia.

Coincidindo co Día de Rosalía, que se conmemorou onte con motivo do 178 aniversario do nacemento da escritora, a fundación que leva o seu nome e o Concello de Padrón asinaron un convenio polo que este último aporta 3.000 euros para acondicionar e dotar de mobiliario unha sala, co fin de poder albergar en condicións axeitadas obras e fondos documentais relativos á vida e obra da poetisa, así como futuras doazóns.

Tralo acto de firma, celebrado nas oficinas anexas a Casa-Museo de A Matanza e no que estivo presente o presidente da Fundación Rosalía Anxo Angueira, o tesoureiro, Justo Cortizo, o alcalde de Padrón, Antonio Fernández, e a concelleira de Cultura Carmen Lois, Angueira sinalou que a institución está «moi satisfeita» co convenio xa que se facía «moi necesario» ter un espazo acondicionado para gardar o «legado histórico de Rosalía», así como para conservalo en boas condicións, ordenalo e arquivalo.

É que, ata o de agora, o patrimonio documental da Fundación Rosalía non estaba custodiado en condicións axeitadas polo que, grazas a achega do Concello de Padrón a través dunha subvención directa, a entidade poderá poñer en marcha un arquivo á altura do valor documental que atesoura a Casa-Museo de A Matanza, para que estea en boas condicións ao dispor dos investigadores. Logrados os fondos para acondicionar a sala e para o mobiliario, a fundación padronesa agarda conseguir financiamento para a ordenación e dixitalización do arquivo.

A sala que se acondicionará é a antiga vivenda da que fora guardesa da Casa-Museo, Maruxa Villanueva.

 

 

Renovación

 

Máis de 40 anos despois da súa apertura ao público, a Casa-Museo de Rosalía de Castro precisaba dunha renovación urxente da súa museoloxía, adaptándoa aos novos tempos e ás novas lecturas da escritora, así como incorporar á narrativa novas pezas.

Nese proxecto está inmersa a Fundación Rosalía, en base a un deseño de Xosé Barro aprobado polo plenario. A institución está buscando financiamento para completar o proxecto xa que lle queda pendente o primeiro andar da Casa-Museo e, así, poder concluír a desexada reforma. Semanas atrás foi a Deputación de A Coruña a que fixo unha achega a fundación, de arredor de 30.000 euros, neste caso para acondicionar a planta baixa do inmoble.

Coa firma do convenio, o Concello de Padrón sumouse aos actos do Día de Rosalía.

«Estamos satisfeitos co convenio porque é moi necesario ter un arquivo en condicións»

 

Anxo Angueira

 

Follow us on Social Media