Carmen Prieto: «Sempre descubrimos cousas novas»

SARA PÉREZ LA VOZ DE GALICIA

CULTURA

CESAR QUIAN

A responsable do Arquivo do Reino de Galicia explica que os últimos documentos achados foron dous planos antigos, un de Lugo e outro de Ourense

06 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Por un impulso, o camiño de Carmen Prieto (O Barco de Valdeorras, 1963) xirou cara a documentación e a investigación. Sempre pensou que un ten que facer o que realmente lle guste, «e despois xa se verá». Por iso dende o 2008 dirixe o Arquivo do Reino de Galicia, unha posibilidade que se converteu en realidade.

—Nas súas mans está a historia de Galicia.

—Unha parte dela, digamos que unha importante. Sobre todo a partir do século XVI, cando se funda o fondo da Real Audiencia de Galicia, e ata a actualidade.

—Que responsabilidade!

—A nosa función principal é conservar documentos para as vindeiras xeracións, para que non se perdan. Un traballo que tamén está moi vencellado ao de difundilos, que a xente os coñeza, que os queiran consultar, que saiban que é o que hai, e que se non o temos, onde pode estar. Somos un centro público que está aberto a todo o mundo.

—Coñecen os galegos o arquivo?

—Parcialmente, quero dicir, evidentemente hai unha parte importante que o valora. A xente pensa que temos aquí todo, e non. Temos só unha parte dos fondos.

—E valórano?

—Percibo que cando a xente precisa algo, acude a nós. Atopamos o documento, facilitamos o traballo e intentamos que o proceso sexa sinxelo e rápido. Dámonos conta de que finalmente si que se percibe o valor dos arquivos, aínda que ao mellor non se pensara neles.

—Chegan perdidos?

—Si, quero dicir, saben o que veñen buscar, pero non saben como atopalo. Aí entra en xogo o labor de asesoramento que facemos, o que é de perfilar o que realmente queren para saber que é o que temos que darlle. Dende o ano pasado temos unha limitación de aforo, que require de cita previa. Con ese paso facemos un filtrado de xeito previo, para que nos indiquen que queren. Así nós facemos a busca para saber se hai algo. De maneira que se vén de forma presencial, xa sabe que vai atopar os documentos que ten que ver.

—Actualmente contan con 25 quilómetros de documentación. Saben cando chegarán aos 30?

—Neste edificio é imposible, teriamos que mudarnos a outro. O que facemos para aproveitar o espazo é reinstalar de xeito continuo para valorar se os documentos se deben conservar de xeito permanente, parcial ou se ben se poden destruír. Isto ten que ser aprobado por un consello. Así é como imos gañando metros. A produción é enorme, e todo non se pode conservar.

—Teñen problemas de espazo?

—Ímolos resolvendo con reinstalacións. Sempre gañamos algo. Agora non temos un problema, ao mellor no futuro.

—Están seguros os papeis no arquivo?

—Procuramos que si, que estean seguros. É unha parte importante das nosas funcións. Por unha banda a conservación física, que nese campo no que se incide é na conservación, que non se deterioren. Coa reforma do ano 2003 dotouse ao arquivo dun sistema para controlar a temperatura, entre 17 e 21 graos, e despois a humidade, que é dun 40-60 %. Se isto falla por un ano caloroso, temos sistemas mecánicos para compensar. Por outra banda están as medidas de seguridade. Hai un control de acceso mediante tarxetas, sistema de incendios, extinción de incendios, cámaras de vixilancia, detectores…

—Algunha vez alguén intentou levarse algo?

—Non, que nós detectaramos. Aquí fanse revisións e hai cousas que sabemos que non están, pero non dende cando. Non sabemos se non están porque se eliminaron porque estaban en mal estado ou por que, pero non pillamos a ninguén levándose nada.

—Se tivese que salvar un arquivo, cal sería?

—É moi complicado. Non é só un documento moi valioso, aquí hai moitos. No Louvre levaríanse a Mona Lisa, pero no Arquivo do Reino de Galicia é máis complicado porque non temos sinaladas as pezas máis importantes. Para nós todo é valioso. Eu elixiría un, porque todos temos un favorito, pero non o diría. Procuramos que non haxa que chegar a elixir.

—Cal é documento máis valioso que garda na súa casa?

—Moitas fotos de viaxes, que é un documento importante polos recordos. Despois teño algunhas escrituras familiares, do século XVIII, que me dedicarei a estudar cando me xubile. Iso é o máis singular. Todos acumulamos un pouco de todo e é difícil escoller.

—Que é o máis emocionante do seu traballo?

—Sempre descubrimos cousas novas, a pesar de que estea todo case escrito.

—Empanada, polbo e caldo: a quen mataría, con quen se casaría e a cal bicaría?

—É unha elección condicionada, pero casaría co caldo, bicaría o polbo e mataría a empanada. É que teño un problema coa cebola.

—Que é o importante na vida?

—Estar ben cun mesmo, que leva tempo. Pero acábase conseguindo.

FUENTE: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/cultura/2021/07/05/span-langglcarmen-prietosempre-descubrimos-cousas-novasspan/00031625489360193281131.htm

Follow us on Social Media