|
O 9 de xuño de 2012, Día Internacional dos Arquivos, en ANABAD Galicia será un día para:
Seguir a defender que o traballo dos arquiveiros do sector público é fundamental para garantir a transparencia do funcionamento das institucións e mellorar a calidade da nosa democracia.
Seguir a demandar das administracións públicas a adecuada atención dos arquivos para o mellor funcionamento dos servizos públicos e para garantir a transparencia da xestión pública.
Seguir a manter que no momento actual o traballo que se desenvolve nos arquivos é unha ferramenta estratéxica para conseguir unha maior eficacia e produtividade de todas organizacións.
Seguir lembrando á empresa e ás corporacións que as posibilidades de negocio vincúlanse tamén á organización, difusión e control da información que fan os profesionais.
Seguir a recordar ás administracións públicas que o papel dos arquiveiros é clave para a organización e o desenvolvemento da administración electrónica á que nos incorporamos dia a dia.
Seguir loitando contra decisións como a paralización da desclasificación de documentos de 1936 a 1968 por parte do Ministerio de Defensa, porque debemos perseverar na transparencia administrativa.
Seguir a reclamar unha lexislación que reflicta estas demandas.
Seguir a traballar pola defensa dos arquivos e dos profesionais que os atenden.
O 9 de xuño Día Internacional dos arquivos, será outro día para que os arquiveiros, como todos os días, sigamos a traballar polo futuro.
Na Coruña a 8 de Xuño de 2012
A Xunta Directiva de ANABAD-Galicia
Na nosa web pódense ver tamén as actividades que en Galicia se celebrarán con motivo desta data.

|